Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 28 Abril 2024.

CCOO inicia en Santiago de Compostela as mobilizacións contra o ERE no Banco Sabadell

  • Haberá folga en outubro se o banco non rectifica a súa postura na mesa de negociación

Comisións Obreiras (CCOO) iniciou este xoves as mobilizacións contra o ERE no Banco Sabadell, convocando concentracións en diversas localidades do Estado. En Galicia, a protesta tivo lugar en Santiago de Compostela, entre as 11 e as 12 horas, na oficina que a entidade bancaria ten no número 33 da rúa do Hórreo.

23/09/2021.
Concentración en Santiago de Compostela contra o ERE do Banco Sabadell (23/9/2021)

Concentración en Santiago de Compostela contra o ERE do Banco Sabadell (23/9/2021)

Desde CCOO rexeitan a «inamovible» posición do Sabadell na mesa de negociación do ERE —que afecta a 1936 persoas— e defenden medidas alternativas. «Hai carga de traballo, non sobra persoal nin moito menos», sinala Arturo Cruzado, voceiro do sindicato.

Malia que o Sabadell pretende despedir a case dúas mil persoas en todo o Estado, «verase prexudicado todo o persoal, máis de trece mil traballadores e traballadoras», sinala Cruzado, porque o banco pretende impoñer tamén medidas como a mobilidade xeográfica.

CCOO reitera que «hai alternativas» aos despedimentos, como as saídas voluntarias, un acordo de prexubilacións e xubilacións anticipadas, recuperar traballos externalizados, teletraballo, recolocación en empresas do grupo ou reaxustes de salarios da alta dirección.

Calendario de mobilizacións

A seguinte protesta terá lugar en Vigo o xoves, 30 de setembro, tamén en horario de 11 a 12 horas. Se o Sabadell non rectifica a súa postura, CCOO convocaría folga a comezos do mes de outubro, incluíndo mobilizacións noutras localidades galegas.